Halo Infinite non contará con todos os seus modos de xogo de saída

venres, 20 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Aínda que estaba previsto que o xogo Halo Infinite fose un dos xogos de lanzamento das consolas Xbox de nova xeración, numerosos atrancos no seu desenvolvemento levou a que se adiase o título, e aínda que o feito de que Microsoft anunciase que o xogo estaría listo para a campaña de Nadal daba a entender que a situación volveu ao rego, pero 343 Industries confirma que aínda quedan moitos atrancos por superar, e como bo signo diso aseguran que Halo Infinite verá a luz sen campaña cooperativa e modo Forxa.
Aseguran que deixar fóra de Halo Infinite estes dous modos de xogo foi unha decisión difícil de tomar, pero que precisaban máis tempo para pulilas, optando por lanzar o xogo nas mellores condicións posibles, de xeito que os modos de xogos secundarios irán incorporándose paulatinamente. Prevese que o xogo chegue inicialmente cos seus modos principais (campaña para un xogador e modo multixogador free-to-play), para recibir na súa segunda tempada (previsiblemente tres meses despois) a campaña cooperativa e, na terceira tempada (outros tres meses despois), o modo Forxa.
O que poderiamos definir como lanzamento progresivo de Halo Infinite é unha decisión bastante complicada para os responsables do xogo, pero a alternativa podería ser bastante peor, xa que seguir adiando o lanzamento podería ser frustrante para os seareiros da franquía Halo, mentres que lanzar o xogo nun estado pouco maduro podería rematar parecéndose ao que aconteceu con Cyberpunk 2077, xogo que aínda non conseguiu acadar un nivel digno, situación que unha marca insignia de Xbox non pode permitirse.

Vídeo no que dan conta dos recortes que están a facer en Halo Infinite de cara ao seu lanzamento

PUBLICIDADE