Halo Wars 2 sae á venda dentro do programa Xbox Play Anywhere

martes, 21 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

A espera para os amantes dos xogos de estratexia en tempo real rematou, e por fin saíu á venda o agardado Halo Wars 2, xogo que podemos adquirir en consola para Xbox One, e que tamén está dispoñible na tenda de Windows 10 dentro do programa Xbox Play Anywhere, ou sexa, que os xogadores que merquen este título en dixital poderán xogar indistintamente ao mesmo en PC ou consola sen custo adicional e podendo incluso compartir progresos entre ambas plataformas.
Este retorno ao universo de Halo permite controlar a Spartan, Warthog e outras forzas clásicas da franquía nunha guerra brutal contra un novo inimigo nun inmenso campo de batalla, para o que cóntase unha historia chea de acción ambientada despois do acontecido en Halo 5, e na que visítase un escenario moi familiar: a Arca.
Os xogadores controlarán estratexicamente tanto tropas como potencia de fogo nas batallas a grande escala contra a grande ameaza á que ten que enfrontarse a UNSC e toda a humanidade. Haberá que formar exércitos, construír bases, preparar vehículos e participar en grandes batallas a través dunha boa selección de mapas en ambientes alieníxenas tanto para o modo campaña como para o multixogador.
Como boa secuela, Halo Wars 2 inclúe novidades como un novo modo multixogador chamado Blitz, que combina o combate táctico con estratexia baseada en naipes, o que supón un achegamento a este título moi atractivo que foi moi ben recibido durante a beta do multixogador que tivo lugar hai poucas semanas.

Tráiler de lanzamento de Halo Wars 2

PUBLICIDADE