Horizon Chase achegará o espírito de Out Run a Android

mércores, 18 de novembro do 2015 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos brasileiro leva dende o pasado verán colleitando o éxito grazas ao seu xogo Horizon Chase, un título arcade de carreiras de automóbiles inspirado nos grandes éxitos das décadas dos 80 e 90 como Out Run, Lotus Turbo Challenge, Top Gear (de Super Nintendo) ou Rush, procurando recrear o estilo dos xogos de máquinas de 16 bits, conseguindo unha estética única que acompañada pola música de Barry Leitch (compositor de Top Gear, Rush e Lotus Turbo Challenge) gañou a pulso que Apple recomendase o xogo na App Store.
Agora que este xogo xa está consolidado en iOS, toca dar o salto a novas plataformas, para achegarse a un maior público, e finalmente a espera chega á súa fin, e mañá mesmo Horizon Chase chegará a Google Play, de xeito que os xogadores de Android poderán descargar de balde este xogo nunha versión que ofrecerá os 5 primeiros circuítos a xeito de proba, animando así aos usuarios a pagar para desbloquear o xogo completo.
Horizon Chase conta con 16 coches desbloqueables, actualización de vehículos, 8 copas, 32 cidades, 73 pistas, cambios meteorolóxicos e numerosos métodos de control, de xeito que estamos ante un xogo moi sólido que non vai quedar en plataformas móbiles, senón que xa prevé o seu salto a Stream (con versións para PC e Mac) e consolas de videoxogos.

Tráiler da versión para Android de Horizon Chase

PUBLICIDADE