Horizon Zero Dawn terá versión para PC en agosto

venres, 3 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Hai algo máis de tres anos Horizon Zero Dawn chegou a PlayStation 4 como un xogo exclusivo realmente impresionante, que converteríase nun dos grandes exemplos de aproveitamento da PS4. Pero este título postapocalíptico no que a protagonista Aloy ten que enfrontarse a criaturas mecanizadas moi variadas e desafiantes sorprendeu polo feito de que Sony permitise que Guerrilla Games o levase a ordenadores persoais, feito que por fin xa ten data, e será o vindeiro 7 de agosto canto a edición completa do xogo (ou sexa, coa súa expansión) chegue a Steam e á Epic Game Store a un prezo de 49,99 euros (mentres que na PS4 pode adquirirse por 19,99 euros xa que forma parte dos PlayStation Hits).
A versión para PC de Horizon Zero Dawn chegará con novas características, como o soporte de pantallas ultrapanorámicas (pode funcionar nunah pantalla 32:9 a unha resolución de 3.840 x 1.080 píxeles, aínda que as cinemáticas manteranse nunha proporción de 16:9), melloras gráficas (reflexos mellorados e movemento dinámico de follas), personalización gráfica, velocidade de fotogramas desbloqueada, opcións de control e unha ferramenta de comparación de datos, de xeito que os que conten cun equipo moi potente poderán gozar do xogo cun nivel gráfico inédito, o que a primeira vista podería parecer contraproducente para Sony, pero se temos en conta que este título terá secuela para PlayStation 5 podemos estar basicamente ante un xeito de enganchar a novos usuarios a unha experiencia que só poderán continuar se adquiren unha PS5.

Tráiler da versión para PC do xogo, no que enumeran as súas características

PUBLICIDADE