Ideaspropias achega un libro con trucos para deseñar a mellor estratexia de mercadotecnia online

martes, 23 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Un completo manual sobre todas as cousas que debemos saber para materializar, ao xeito, unha estratexia de mercadotecnia online. Así se nos presenta Fundamentos del plan de marketing en Internet, un dos novos lanzamentos da editorial galega Ideaspropias, obra de Mayte Saa, experta en servizos avanzados de consultoría TIC, amais de profesional de longa experiencia na visualización de contidos e webs para WordPress. Segundo indica o selo con sede en Vigo, o libro axudaranos en todo o relativo ás novas pautas e tendencias en materia de comunicación e promoción empresarial, e, tamén, en todo o relativo a facer comunidade global arredor das nosas iniciativas de mercado.
O libro de Mayte Saa, que leva máis dunha década traballando como directora de proxectos de comunicación, vai directamente encamiñado a facilitarnos a identificación dos elementos dun plan de mercadotecnia online e do deseño dunha web comercial efectiva. En palabras da editorial, “os seus contidos, recursos didácticos categorizados e actividades prácticas serán o noso salvavidas e os nosos compañeiros de batalla para dar forma á nosa estratexia de marketing dixital, definir obxectivos e definir a nosa páxina web”. Ademais, mostrarmos como adicar recursos para crear contidos de valor e realizar analítica web.

PUBLICIDADE