Improving Metrics participa nun desafío Big Data coas empresas europeas máis punteiras do sector

luns, 9 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa coruñesa Improving Metrics, centrada na analítica de datos e na Intelixencia Artificial, vén de ser obxectivo dunha importante distinción ao seu labor en materia de información a gran escala e ferramentas para extraer os máximos rendemento e valor a esa información. Segundo nos conta os responsábeis de Improving, trátase da única empresa da nosa terra que participa na iniciativa European Data Incubator (EDI), un proxecto que ofrece a unhas 100 empresas a oportunidade de resolver desafíos de datos que presentan grandes empresas.
En termos máis concretos, Improving Metrics foi seleccionada para participar no EDI para resolver o desafío presentado por EMESESA, a Empresa Metropolitana de Abastecemento e Saneamento de Augas de Sevilla S.A., e establecer un sistema de xestión e análise da evolución do consumo de auga na cidade de Sevilla e a súa área metropolitana utilizando técnicas de Machine Learning, ou sexa, de aprendizaxe das máquinas.
Das case 500 startups que presentaron a súa candidatura, só pasaron a primeira 40 firmas, das que 9 son españolas, 9 alemás, 8 italianas, 3 portuguesas e representación de Francia, Grecia, Reino Unido, Holanda, Bélxica, Suíza, Serbia, Irlanda, Ucraína, Suecia e Estonia.
European Data Incubator (EDI) é un programa dirixido por 20 socios en toda Europa que ofrece ás empresas máis innovadoras do ámbito da información a gran escala (Big Data) a oportunidade de abordar desafíos do mundo real establecidos por empresas europeas, como por exemplo mellorar a seguridade viaria en Barcelona ou predicir transaccións fraudulentas en supermercados.
Os beneficios inclúen até 100.000 euros en fondos libres de capital, titorías, obradoiros, acceso a unha contorna cloud de balde e a oportunidade de establecer sinerxías e visualización con respecto ás principais organizacións europeas.
Os días 9 e 10 de outubro de 2019, Improving Metrics viaxará a Berlín con outras 39 novas empresas para a primeira fase de Exploración, onde participa nun dataton, ou sexa, nun hackathon relacionado cos datos masivos. Alí, un xurado decidirá que 16 startups pasarán ao seguinte nivel de Experimento.

PUBLICIDADE