Impulsan no Campus de Ourense un proxecto para predicir con IA a concentración de pole
mércores, 26 de xaneiro do 2022- María Fernández e Rosalía Laza, coordinadora do proxecto
Un equipo multidisciplinar liderado por María Fernández e Rosalía
Laza, investigadoras de Aerobioloxía e Intelixencia Artificial,
respectivamente, desenvolveu un proxecto de investigación que ten
por obxectivo predicir a concentración de pole no aire para
adiantarse na administración de antistamínicos. Este equipo do
Campus de Ourense deu
forma a un calendario polínico da cidade e un modelo mestizo de
Intelixencia Artificial que predí a concentración de pole no aire
a sete días vista.
As responsábeis da iniciativa indicaron que o proxecto, que recibiu
a axuda a grupos de investigación do Campus de Ourense Inou 2021,
“trata de estimar o risco de alerxias polínicas para que desta
maneira se poida administrar a medicación correspondente con
anterioridade, posto que é máis efectiva que unha vez aparecidos os
primeiros síntomas”. Tamén indicaron que o sistema de
Intelixencia Artificial facilitará a toma de decisión en base ás
predicións dos tempos.
O equipo de investigadores e investigadoras, mediante unha avaliación
da atmosfera de Ourense, recadou datos da carga alerxénica dende
1993 para xerar os datos de concentración de 2021. Aínda que se
detectaron outros tipos de pole, os máis agresivos na provincia
foron os de: Alnus, Platanus, Betula, Poaceae e Urticaceae.
No calendario elaborado polo estudo, Alnus esténdese durante
o mes de xaneiro ata mediados de marzo, sendo o primeiro mes o
período de máxima concentración de pole. Betula comeza
cando remata Alnus. Vai dende mediados de marzo ata finais de
maio, tendo máis concentración dende finais de marzo ata comezos de
maio. A estación polínica de Platanus, vai dende comezos de
marzo ata mediados de maio, sendo a etapa de máis concentración
polínica a que vai dende a metade de marzo ata os primeiros días de
abril. Poaceae conta cunha estación das máis longas, vai
dende mediados de febreiro ata finais de setembro, rexistrando dende
comezos de xuño a inicios de agosto a etapa de máis concentración.
Como remate, as Urticaceae foron as que tiñan unha etapa máis
longa, esta vai dende finais de xaneiro ata finais de setembro e con
presencia esporádica de outubro a decembro. Abrangue case todo o
ano, e o período de máxima concentración vai dende finais de maio
a comezos de agosto.
O modelo de Intelixencia Artificial
Os datos obtidos polo calendario serven de sustento para un algoritmo
de clasificación que o equipo de investigación de Rosalía Laza
empregou para deseñar este modelo híbrido de Intelixencia
Artificial. Este, permite unha predición con sete días de vantaxe
de se a cantidade de pole dun día determinado vai ser baixa, media
ou alta.