Increméntanse nun 36 por cento os fallos de seguridade informática

mércores, 8 de setembro do 2010 Raquel Noya

Segundo vén de informar IBM, a compañía informática internacional que nos últimos anos está a apostar por mellorar a seguridade tanto en hardware como en software a través do seu equipo de investigación X-Force, no primeiro semestre de 2010 “incrementáronse moi significativamente as vulnerabilidades na seguridade das aplicacións (36 por cento), ao tempo que se incrementou a complexidade dos ataques encubertos en ficheiros pdf e código JavaScript”.
Así se desprende do último estudo sobre seguridade realizado por este equipo, onde tamén se identifica a seguridade en entornos virtualizados e cloud computing.
O informe indica que a seguridade está cobrando relevancia a medida que as empresas apostan pola virtualización e que o 35 por cento das vulnerabilidades que impactan nos sistemas virtualizados afectan á hipervisora (o software que controla todas as máquinas virtuais) o que, segundo os autores, “pon de manifesto a necesidade de ter en conta tamén a seguridade á hora de abordar os proxectos de virtualización”.
Nos primeiros 6 meses de 2010, as emisións de phising caeron un 82 por cento. As institución financieiras seguen a ser o principal obxectivo deste tipo de ataques (49 por cento), seguidas polas empresas emisoras de tarxetas de crédito (27 por cento), as organizacións públicas, así como a sinstitucións de pagos en liña e subastas.
España segue a figurar na listaxe dos 10 primeiros países (posto número 8) onde están ubicados os servidores que aloxan as direccións web contidas neste tipo de correos fraudulentos, e aquí, ao igual que no resto de países, a seguridade tamén está cobrando relevancia “a un ritmo vertixinoso”, aseguran os autores do estudo.

PUBLICIDADE