Indicube: reprodución multimedia persoal baseada en Linux
martes, 8 de xaneiro do 2008
Os anteollos con pantallas de vídeo incorporadas
son unha solución para acadar a experiencia máis próxima ó cine persoal, de
xeito que simulan estar ante unha pantalla de enorme tamaño aínda que só a
poidan ver un único usuario, que se illa así do seu contorno.
Dentro destes dispositivos coñecidos coma Head Mounted Displays (HMD) temos
agora o visor Active Matrix 3DS OLED-XL que cunha resolución de 800 x 600 píxeles
dá a impresión de estar fronte a unha pantalla de 54 polgadas a 2 metros de distancia,
incorporando tamén auriculares e, complementado por un reprodutor
multimedia baseado en Linux e producido por Dreamax.
O Indicube i-800 é un reprodutor
multimedia con 12 Gb de capacidade interna cunha tarxeta Flash de 8 Gb para
acadar capacidade adicional (que pode incrementarse ata 32 Gb de memoria
Flash). Soporta os formatos de vídeo (WMV, MPEG2, DivX, Xvid) e audio (WMA, MP3, AC3, AAC,
OGG) máis populares e tamén conta con conectividade USB 2.0.
Pola súa banda, o visor desenvolvido por eMagin pode amosar vídeo de distintas
fontes tanto NTSC coma PAL, de xeito que pode presentar imaxes de televisión,
DVD, reprodutores iPod, ordenadores, consolas de videoxogos e moitos outros
trebellos.