Industria destina outro millón de euros para proxectos TIC relacionados co Xacobeo 2010

luns, 26 de abril do 2010 Raquel Noya

A estas alturas do ano, seguro que son poucas as persoas que non saben que se está a celebrar o Ano Santo 2010 no noso país, e que esa chegada masiva de peregrinos á nosa capital é debida á decisión de moitos turistas a cruzar a porta santa antes de que volva a pechar por uns once anos máis. O que non se sabe tan ben é que a Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Economía e Industria, está a subvencionar a creación de proxectos empresariais innovadores relacionados coas TIC que axuden a promocionar o Camiño e que, de paso, entre outras cousas, colaboren na dixitalización das ferramentas empregadas para guiar aos visitantes no seu periplo ata Compostela.
Así é que o Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, publica nas súas páxinas a convocatoria de subvencións para proxectos empresariais de innovación da Consellaría de Economía e Industria, que vai destinada a financiar accións innovadoras no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) relacionadas co Xacobeo 2010.
Esta convocatoria, que conta cunha dotación dun millón de euros, complementa a concesión de axudas para o mesmo concepto que foi adxudicada en decembro de 2009 por valor doutro millón de euros, pola que tamén se financiaban proxectos innovadores para o Camiño de Santiago baseados nas novas tecnoloxías.
Esta iniciativa, ademais de servirlle ao Goberno galego para promocionar o Xacobeo 2010, tamén xurde como unha oportunidade única de desenvolvemento empresarial para Galicia, incidindo na innovación como factor de competitividade e polas novas liñas de negocio que o Ano Santo pode abrir para sectores estratéxicos na comunidade, como é o caso do turístico.
Segundo informan dende a Consellaría de Economía, na convocatoria contémplanse como proxectos subvencionables “aqueles que supoñan unha aplicación innovadora das TIC á prestación de servizos de valor engadido para os turistas, peregrinos e público en xeral interesado no Xacobeo 2010, considerando especialmente as infraestruturas precisas para aplicacións baseadas en dispositivos móbiles, localización ou xeoreferenciación, redes sociais e web 2.0”.
Tamén se inclúen na orde “aquelas iniciativas destinadas á creación tecnoloxicamente innovadora de contidos e aplicacións informáticas relacionadas coa promoción do Xacobeo 2010 e a valorización do seu patrimonio artístico, histórico e cultural. Dentro das aplicacións informáticas consideraranse de especial interese os desenvolvementos propios”.
Asemade, poderán acollerse a este programa as iniciativas relacionadas coas infraestruturas tecnolóxicas e ferramentas destinadas á creación, difusión ou mellora de servizos audiovisuais de interese para a promoción ou soporte das actividades do Xacobeo 2010.

PUBLICIDADE