InfoJC bota man de tecnoloxía de Gradiant para facilitar a tódolos colectivos as vantaxes do fogar dixital

xoves, 22 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa de Vigo InfoJC vén de adquirir unha licenza de recoñecemento biométrico desenvolvido polo centro galego Gradiant. Con esta tecnoloxía, a firma galega proxecta unha manchea de novidades para o ámbito doméstico-tecnolóxico, con vistas a centrar o labor de desenvolvemento nos colectivos con meirande risco de exclusión dixital. Máis polo miúdo, InfoJC facilitará o acceso a servizos, contidos e comunicadores dos usuarios do fogar dixital “con máis limitacións, xa que estes poderán ser recoñecidos de xeito biométrico, co fin de incrementar a súa calidade de vida e a súa accesibilidade”.
Por outra banda, a adquisición tamén suporía, en palabras de InfoJC, un pulo decisivo á transferencia de coñecemento na nosa terra, amosándose polo miúdo as moitas vantaxes xeradas a través da colaboración entre un centro tecnolóxico e unha empresa, neste caso unha PEME, “o tamaño de empresa menos habitual neste tipo de operacións”. Isto vén a conto polo seguinte dato: a preocupante situación de España a nivel mundial no eido da innovación empresarial. De feito, o país ocupa o posto 39 no ranking, cunha baixada progresiva. Isto, informa InfoJC, “está directamente relacionado co desaproveitamento do coñecemento desenvolvido por centros, universidades e investigadores na empresa; debemos recordar que España é un dos países con máis de mil publicacións científicas ao ano, que, porén, teñen unha escasa aplicación e un impacto deficiente no mercado”.
O acordo establecido entre Gradiant e InfoJC, engaden, representa unha inversión desta tendencia e unha proba palpábel de que é posíbel levarlle a contraria ás estatísticas.
O desenvolvemento transferido consiste nun motor de recoñecemento facial e identificación biométrica que abrolla, directamente, das investigacións nas que Gradiant leva xa un tempo traballando e das que temos falado xa en Código Cero. Esta tecnoloxía busca facilitar o acceso a servizos, contidos e comunidades, facendo especial fincapé, como dixemos, nas persoas con dependencias ou con diversidades funcionais ou de tipo motriz. Esta colaboración tecnolóxica, que non é nova no ámbito Gradiant-InfoJC, é “un novo exemplo de posta en valor e colaboración nun intre onde a competitividade por medio da innovación preséntase como unha necesidade”, manifesta a empresa.
Para Javier Cebreiros, responsábel de Proxectos de InfoJC, estamos ante a manifestación dunha estratexia, a de buscar innovación de vangarda na nosa terra, de gran potencial: “Se en Galicia contamos con centros de excelencia, porque buscar fóra o coñecemento? Ou peor aínda: por que desenvolvelo un mesmo? A colaboración con Gradiant foi excepcional e seguirá tendo éxito, facéndonos tirar proveito das nosas capacidades ao máximo”.
Luis Sestelo, xerente do Gradiant, opina o seguinte sobre esta colaboración: “Tanto no noso centro como nos diferentes axentes de investigación da Comunidade temos moito coñecemento de valor para as empresas, a clave está en adaptalo á realidade do mercado e transferilo, moito máis nunha situación como a actual”.

PUBLICIDADE