Initcoms sitúa ao Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar na vangarda do deseño web

venres, 6 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

A empresa galega Initcoms Solucións TIC, con sedes en Ourense e Coruña e centrada en servizos de desenvolvemento web e programación, vén de presentar este mes de febreiro un novo e interesante proxecto de seu. Trátase do novo espazo en liña do Parque Empresarial Pereiro de Aguiar, unha páxina que salienta, ante todo, polos esforzos postos ten xogo en materia de deseño e funcionalidade. Ademais, segundo nos conta Initcoms, outro dos puntos destacábeis é sen dúbida o feito de que se trata dun “desenvolvemento completamente a medida”.
Isto, explica a empresa, permitiu dotar o portal dunha completa intranet ou zona privada, a dispor dos asociados do parque, coa que se poden ofrecer múltiples servizos, dende boletín de prensa até acceso aos estatutos, pasando por actas, licitacións, publicacións ou novas (actualidade).
En definitiva, trátase dun páxina viva e con a amplas posibilidades de adaptación a novos servizos e acubillos. De feito, poder incorporar novas funcionalidades é unha das bases do proxecto: a súa capacidade de continuar medrando e evolucionando “dunha maneira segura”. Entre as principais características da web atópase o seu compromiso polo deseño responsive (permite unha visualización correcta en calquera dispositivo, tabletas, smartphones, noteboooks, etc) e pola nosa lingua (o galego) sen desatender os idiomas de boa parte dos clientes das empresas do parque (inclúense tamén versións en español e inglés). Ademais, é un sitio “autoadministrábel”, ou sexa que o podemos xestionar a través dun back office “dunha maneira sinxela e sen necesidade de posuír amplos coñecementos técnicos”.
Segundo engaden os seus creadores, a idea é ir alén de acadar un sitio funcional e cun bo deseño, algo que “está ao alcance hoxe en día de calquera organización, dende un profesional autónomo até un parque empresarial”, din. Pola contra, o que se buscou é acadar un servizo útil, ben presentando, completo, doado de usar e accesíbel e usábel para todo tipo de usuarios, contornas e dispositivos. “Non debemos esquecer”, sinalan, “que o noso sitio web é a nosa carta de presentación en Internet, e o seu aspecto xeral determinará a percepción que os usuarios teñan da nosa organización”. E engaden: “Un sitio web renovado tradúcese nunha vantaxe competitiva para a organización, e mesmo nun aforro nos seus custos fixos ao poder transformar servizos que antes se ofrecían de maneira offline en servizos online”.

PUBLICIDADE