Injustice 2 verá a luz en maio

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Cando os creadores da franquía de xogos de Mortal Kombat decidiron achegarse as personaxes dos cómics de DC optaron por crear todo un universo paralelo, unha liña temporal alternativa, na que un Superman entolecido pola morte de Lois Lane supuña un antes e un despois, xustificando así o nivel de violencia preciso para un xogo de loita. Tal foi a acollida desta historia que a propia DC ten unha serie regular inspirada na mesma, de aí que fose inevitable que Injustice tivese unha secuela, que está a apuntar maneiras, e hoxe mesmo Injustice 2 estrea un novo tráiler no que presentan ao malvado Brainiac, á vez que abren a reserva do xogo na tenda dixital de Xbox One.
Este novo xogo retoma a historia xusto onde rematou Injustice: God Among Us, e pese a que Batman logrou derrotar o réxime de Superman, continúan soltos antigos partidarios do Home de Aceiro, sementando o caos por todo o mundo.
Batman ten que xuntar a un novo escuadrón de superheroes, e desta volta deberán evitar ameazas que chegan incluso doutros planetas, como Brainiac, un ser alieníxena de intelixencia superior que porá en perigo o planeta Terra.
Está confirmada a aparición de novos personaxes, como Blue Beetle e Supergirl, e tampouco faltará un dos principais malvados do Universo DC, Darkseid, que recibirán como personaxe xogable os que reserven o xogo antes do seu lanzamento, o 19 de maio.

Novo tráiler de Injustice 2

PUBLICIDADE