Innovación e a FAXPG presentan os resultados dun proxecto para ensinar a lingua de signos a través das redes

luns, 19 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

O director xeral de I+D, Salustiano Mato, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Feliciano Sola, presentaron esta luns 19 na sede da FAXPG os resultados do proxecto de investigación Ensigna. Esta iniciativa, que se desenvolveu ó longo de 2005 e 2006 contando co CESGA (área de e-learning) en labores de coordinación, foi encamiñada a afondar na aprendizaxe da lingua das signos entre as persoas xordas coa axuda das novas tecnoloxías. Segundo apuntaron Mato e máis Sola, o proxecto Ensigna acadou uns resultados abondo esperanzadores na súa procura dunha metodoloxía innovadora de ensino e aprendizaxe da devandita lingua.
A iniciativa incluíu un experiencia formativa práctica na que se desenvolveron unha serie de contidos didácticos multimedia e interactivos para facilitarlles ós alumnos (a través da Rede) o uso dos ditos códigos. Tamén se lles achegou unha tecnoloxía de comunicación multidireccional, de tal xeito que titores e participantes puideron realizar titorías en tempo real e en diferido, “o que permitiu ós profesores facer un seguimento persoal en todo momento, individualizado e en tempo real do progreso dos alumnos”, sinala o CESGA nun comunicado.
A xuízo dos responsables do proxecto, os froitos recollidos abren moitas posibilidades reais para aplicación das redes da información na aprendizaxe da lingua, concretamente a través dun curso completo. No proxecto Ensigna participaron tamén un grupo de investigación da Facultade de Pedagoxía da Universidade de Santiago, e a empresa especializada en formación Grupo Femxa.
Cómpre salientar que segundo a información que ten a Xunta a raíz do censo de poboación con minusvalía do ano 2005, o número total de persoas xordas en Galiza supera as dez mil (exactamente 10.222). Porén, a realidade amosa que non todas as persoas xordas teñen certificado de minusvalía, polo que este número podería ser superior. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, o número de persoas con problemas de audición supera na nosa terra as 75.000.

PUBLICIDADE