Innovames mostrará enxeños galegos para mellorar a nosa calidade de vida

martes, 30 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Este 2 de febreiro celébrase no Milladoiro a cita Innovames, organizada polo Concello de Ames. O evento, unha xuntanza Maker, contará coa presenza de grandes referentes da filosofía do Do it yourself aplicada ao software, á robótica, a proxectos científicos ou a calquera tipo de enxeño, tanto a nivel galego como estatal e internacional. Será, ademais, unha cita para todas as idades e contornas: rompendo barreiras xeracionais e de formación. Un dos moitos proxectos que se poderá ver na exposición de Innovames vén da man, precisamente, dun grupo de estudantes do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, baixo a tutela dos profesores Lourdes García e Benito Búa. Trátase dun micrófono direccional que mellora a capacidade auditiva das persoas con problemas de audición.
O enxeño, que recentemente foi seleccionado para participar no prestixioso concurso Teen Tech e máis o evento Galicia Maker Faire (Santiago), foi desenvolvido por Inés Pérez, Javier de la Cruz e Carlos Argibay, todos eles estudantes de segundo de bacharelato. A súa proposta consiste nun micrófono direccional que emenda as eivas dos audífonos convencionais en espazos pechados, evitando ruídos e permitindo seguir polo miúdo os relatorios.
Doutra das achegas que poderemos ver na área expositiva (mostra de iniciativas presentadas en Galicia Maker Faire) temos falado previamente en Código Cero, salientando a súa participación no programa Connecting for Good Galicia de Vodafone, destinado a impulsar e acelerar proxectos tecnolóxico-sociais con vontade de mellorar a calidade de vida dunha manchea de colectivos. Trátase de PsicoVR, un software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico.
O programa de Innovames
Pola mañá, de 09:00 a 14:00 horas, haberá unha xornada adicada a profesionais do sector. De seguido, pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, desenvolveranse obradoiros para nenos/as, unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2018 e demostracións de experimentos científicos. Este é o segundo evento destas características que organiza o Concello de Ames, despois do Roteiro Maker feito en decembro de 2016.
O obxectivo deste encontro Maker é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación a todos os públicos, “xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que dean lugar a proxectos innovadores”. Esta iniciativa está composta de conferencias e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Todo isto, informa o Concello, conforma o groso dunha programación que se artella en dúas xeiras. Por unha banda, a matinal, que estará dirixida exclusivamente ao sector profesional. As 09:30 realizarase a presentación do evento. De seguido, de 10:00 a 10:30 horas, contarase coa presenza de Sonia Pazos Álvarez do INL, International Iberian Nanotechnology Laboratory, que ofrecerá un relatorio sobre as posibilidades que nos outorga a nanotecnoloxía en múltiples sectores e onde presentará todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. No programa matinal tamén destaca a presenza de diferentes representantes das empresas asentadas no polígono do Novo Milladoiro como NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit entre outras compañías locais, que ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores.
Ademais, habilitarase o devandito espazo de exposición.
Uns petiscos porán o punto final a unha sesión de networking que se dirixe a impulsar creación de sinerxías entre empresarios e argalleiros asistentes.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “coa creación de Innovames o Concello de Ames busca pór en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa Comunidade, fomentando a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital Maker galego”.
Pola tarde
O evento completarase cunha sesión de tarde que estará máis enfocada ao público familiar a través da programación de diferentes actividades e obradoiros orientados aos máis cativos. Celebraranse demostracións de ciencia e de realidade virtual, obradoiros de robótica e videoxogos, e habilitarase un espazo para programar aplicacións móbiles. A xeira de tarde comezará as 16:00 horas cun obradoiro de papirotrónica, dirixido a nenos e nenas de máis de 6 anos. De 18:00 a 20:00 haberá outros dous obradoiros de robótica e de programación de apps, que están dirixidos a nenos/as de máis de 8 anos.
Ademais, durante toda a tarde haberá unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2017 na que participarán as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S., I.E.S. Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR, e SPAINLABS, así como demostracións de experimentos científicos.

PUBLICIDADE