Instagram ultima os directos con até 4 participantes

luns, 1 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Os directos de Instagram foron todo un éxito no confinamento, pero este xeito de comunicar estaba limitado a 2 interlocutores, deixando así espazo a outras plataformas que permitían unha maior participación, o que buscan agora solucionar con Live Rooms, un novo xeito de facer directos de Instagram con até 3 convidados.
O funcionamento de Live Rooms vai na mesma liña dos directos cun único convidado, de xeito que o creador do directo pode incorporar até a 3 usuarios máis tanto no momento de comezar a transmisión como sobre a marcha, permitindo incluso a entrada e saída de participantes, o que permite, por exemplo, que cando haxa 3 persoas conversando en directo poida unirse á retransmisión unha cuarta persoa como sorpresa.
As Live Rooms manteñen as integracións propias dos directos ordinarios, de xeito que poden asociarse a produtos de comercio electrónico ou a captación de fondos para iniciativas sen ánimo de lucro, estreándose esta funcionalidade dun xeito bastante básico que nos vindeiros meses incorporará controis de moderación e configuración de audio, xa que a comunicación entre varias persoas é bastante máis complicada de xestionar que con só un interlocutor.
Esta nova funcionalidade chegará en breve a todos os usuarios de Instagram a nivel mundial.

PUBLICIDADE