Instant FM Music achega a radio ó ordenador

luns, 23 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Os dispositivos de gravación de televisión tanto analóxica coma dixital son moi habituais tanto en sistemas domésticos coma en ordenadores, pero a demanda dos usuarios que aínda son seguidores de programas de radio fai que tamén lancen solucións semellantes para o seu medio de comunicación favorito, coma o Instant FM Musicz de ADS Tech, que conectado ó ordenador a través dun porto USB permite reproducir a radio e gravar a súa programación (incluíndo a información RDS) achegando funcións coma o time-shifting á radio FM, ou sexa, que podemos estar escoitando en directo un programa de radio e pausalo nun momento determinado, continuando a súa reprodución máis adiante.
O soporte RDS é especialmente interesante en casos nos que se reciben emisoras musicais que empregan tal tecnoloxía para identificar os contidos en emisión (coma o título e o intérprete das cancións) para poder catalogalos de xeito doado.
O Instant FM Music permite programar gravacións, e ten unha antena incluída, de xeito que se converte nunha solución moi atractiva para tódolos que queiran personalizar o seu consumo radiofónico, por exemplo, para levar logo os seus programas favoritos no seu reprodutor de MP3.

PUBLICIDADE