Intel amosa as súas novas propostas tecnolóxicas en Las Vegas

martes, 7 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Durante o evento Samsung PREMIERE 2013 o fabricante surcoreano quixo destacar a posibilidade de que dispositivos como o GALAXY ATIV Q puidesen correr aplicacións de Android baixo Windows 8, como un argumento para impulsar a venda de tablets baseados no sistema operativo de Microsoft (que conseguía así un atallo para solucionar a falta de aplicación daquel momento) e agora é a propia Intel a que avanzan en tal dirección e anuncia no marco do CES de Las Vegas a súa contribución ao arranque dual de Windows e Android nun único dispositivo, prometendo que poderase saltar entre ambos sistemas operativos con só premer un botón.
Podemos lembrar que o software BlueStacks facilita o uso de aplicacións de Android baixo Windows 8, polo que estas solucións que están a anunciar non parecen exclusivas dunhas tecnoloxías ou fabricantes en concreto.

Intel Edison

Pero posiblemente resulte máis rechamante outro dos anuncios de Intel durante a súa presentación en Las Vegas, o Edison, que vén a ser un ordenador completo tipo Pentium co tamaño dunha tarxeta SD, de xeito que incluso podería agocharse nunha cámara dixital. Este pequeno equipo funcionaría cun procesador Quark de dobre núcleo, sistema operativo Linux, conectividade Wi-Fi e Bluetooth e software deseñado especificamente para este produto, buscando servir para novos ámbitos que agora poderán tirar proveito da computación grazas ao pequeno tamaño e reducido consumo que están a adoptar os procesadores actuais, o que exemplificaron cos monitores para bebés Mimo.

PUBLICIDADE