Intel cancela o proxecto Alloy

luns, 25 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun ano Intel sorprendía desvelando o seu proxecto Alloy, unha solución todo-en-un de realidade virtual sen cables, que non só evitaría os enredos por mor dos cables que comunican os cascos tradicionais cos ordenadores, senón que tamén integrarían a tecnoloxía Intel RealSense para detectar elementos do mundo físico para evitar chocar con elementos do mundo real cando levemos o casco posto e tamén para poder interactuar cos contornos virtuais empregando as nosas propias mans.
Estabamos ante un produto para desenvolvedores que pretendía converterse nunha realidade comercial este mesmo ano, pero finalmente non só non será así, senón que o proxecto vén de ser desbotado por completo por parte de Intel, xa que a compañía decidiu destinar os seus esforzos a outras experiencias de realidade virtual e realidade aumentada, como Movidius (solución de procesamento visual), o mencionado Intel RealSense e incluso as tecnoloxías que facilitarán a conexión de cascos con ordenadores persoais sen empregar cables.
Dende Intel consideran que o proxecto Alloy foi unha boa proba de concepto, demostrando as posibilidades unha realidade virtual libre dos molestos cables, aínda que polo momento confórmanse con achegar tecnoloxía a outras solucións de realidade virtual doutras compañías.

PUBLICIDADE