Intermax lanza co novo ano un servizo de acceso de alta capacidade a través de fibra óptica

luns, 26 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Javier Mouriño, fundador e responsable da empresa con sede en Melide

A empresa galega Intermax, con sede principal en Melide, está a presentar no mercado galego un produto encamiñado a poñer ao noso alcance Internet de alta capacidade, ao menor custe e coa meirande marxe de dispoñibilidade. Estamos a falar de Nexus Fiber Optics, servizo de acceso con conexións simétricas garantidas ao 100% e achegadas mediante fibra óptica. Segundo informa Intermax, as características estándar son de 500, 1.000 e 2.000 Mbps. Estes servizos, xa de por si de baixo custe, chegan ao mercado cunha oferta a ter moi en conta: durante o seu período de lanzamento e até o 30 de xullo de 2012, a alta será de balde. Subminístrase cunha rede IP óptica de nova xeración e achegando entrega rápida e máxima cobertura para a nosa terra. Segundo engade Intermax, Nexus Fiber Optics vén garantido por un exhaustivo control de calidade e servizo técnico avanzado con soporte inmediato.
Como dixemos, o servizo fornécese a través de liñas de fibra óptica que garanten o máximo caudal, cun punto de entrega onde Intermax procederá á instalación dun router con interface Gigabit Ethernet para os servizos de 500 e 1.000 e 10 Gbps para o de 2.000 Mbps.
As principais características son as seguintes:
· SLA Acordo De Nivel De Servizo. O acordo de nivel de servizo garante unha taxa de dispoñibilidade da rede do 100%, unha taxa de entrega de paquetes de 99,9%, unha latencia inferior a 70 milisegundos intra España e unha notificación proactiva en caso de incidencia de 20 minutos.
· Rápida instalación. Segundo informa Intermax, o servizo instálase nun intervalo non superior a 25 días. O prazo medio de entrega de servizo é de 10 días.
· Entrega simple. Intermax instala o router óptico, o cliente só precisa dun fío (cable) de categoría 5 ou dunha conexión cruzada conectada ao seu equipo.
· Atención ao cliente. Contacto directo con expertos (comunicación en galego) e tan só unha chamada de distancia, 24 horas ao día, os sete días da semana e os 365 días do ano.
· Facturación sinxela. Por medio dunha tarifa plana, cada porto e cada circuíto virtual e facturado figurarán co mesmo importe cada mes, “sen sorpresas”, comunica Intermax.
· Máxima cobertura. Para prestar o servizo, a empresa de Melide conta cunha rede propia de fibra óptica e acordos con diversos socios que lle van permitir dispoñer de máis de 1.200 puntos de conexión con cobertura a este servizo espallados por tódolos concellos galegos.
Nexus Fiber Optics vai dirixido especialmente a empresas de hosting, granxas de servidores, polígonos industrias, administracións públicas, operadoras, universidades, organismos en xeral, empresas ou particulares que precisen de alta conectividade. Por certo que en breve o servizo tamén se estenderá ao eido dos edificios. Para máis información do Nexus Fiber Optics, cómpre chamar ao teléfono gratuíto 900 866 972.

PUBLICIDADE