Investigadores do CITIC da UDC crean unha web para facer monitoraxe da evolución do COVID-19

mércores, 1 de abril do 2020 S. P.

A nosa investigación tecnolóxica segue adiante, acadando grandes fitos dende os límites á actividade presencial do Estado de Alarma e o seguimento exhaustivo das súas disposicións. O Centro de Investigación TIC é un exemplo disto e, tamén, de recursos humanos e tecnolóxicos ao servizo da loita contra a pandemia. Hoxe o centro deu a coñecer que o seu investigador Carlos Fernández Lozano puxo en marcha unha páxina web que permite facer monitoraxe e seguimento da evolución do COVID-19 en España. A idea xurdiu a partir do traballo realizado polo investigador Rubén Fernández Casal, que comezou a capturar os datos do Ministerio de Sanidade relativos aos contaxios.
Esta iniciativa colaborativa conta co respaldo do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus do Comité Español de Matemáticas (CEMat), a través do seu presidente Ricardo Cao, tamén investigador do CITIC, que ten o obxectivo de axudar ao Goberno central a atopar solucións ante a crise sanitaria.
A páxina web permite consultar os datos do número de casos confirmados afectados por Comunidades Autónomas nas últimas semanas, así como os pacientes recuperados e os decesos. O investigador das áreas de Intelixencia Artificial e de Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC e profesor da Facultade de Informática da UDC, Carlos Fernández Lozano, apunta que a idea é “introducir máis información relacionada con ingresos en UCI, incidencia, número de hospitalizacións, etc., e incluír modelos preditivos para utilizar a plataforma como punto de unión de múltiples investigacións”. Deste xeito, o sitio web permitirá aportar máis claridade sobre a evolución da pandemia en España.
Respecto das tarefas a realizar, o investigador do CITIC Rubén Fernández Casal encárgase da descarga de datos e procesado desde orixe, mentres que Carlos Fernández Lozano creou a ferramenta a partir do procesamento destes datos. Tamén están traballando para mellorar o rendemento e a capacidade de carga do sistema.

PUBLICIDADE