Irmandade TV estréase este martes coa primeira achega do programa O Debate

martes, 11 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Finalmente Irmandade TV xa é unha realidade. A nova televisión-web, encamiñada a achegar pluralidade e independencia nun panorama informativo certamente contaminado dende moi variadas frontes, estréase hoxe co programa O Debate, conducido por Aurélio Lopes, do que xa se pendurou en YouTube un vídeo de promoción. Segundo nos contan os responsábeis desta nova canle, a primeira emisión trata a fondo un tema que nos preocupa a tódolos galegos, sexamos da ideoloxía que sexamos: a quebra das caixas galegas e a estafa das preferentes. Os programas poden ser vistos cada martes a través da web da Irmandade.tv, cun formato e unha metodoloxía que convida aos espectadores, a xeito de comunidade 2.0, a participar arreo. De feito, pódeno facer a través da etiqueta Twitter #GalizaSenCaixas e a páxina de seu en Facebook.
Como lembraremos, Irmandade.tv abrolla co obxectivo de acadar unha comunicación máis colectiva, cooperativa e fiábel, hoxe en día de abondo comprometida por múltiples intereses que afectan non só aos medios privados, senón tamén (e se cadra máis grave) a unha chea de canles públicas.
Esta canle de televisión en liña, que centra a súa liña de actividade no noso nacionalismo, conta xa para o seu pulo (comezará a emitir decontado) coa experiencia de Aurélio Lopes, un dos seus principais promotores. Lopes e a súa equipa beben das fontes de iniciativas semellantes postas en práctica en países como Holanda, onde aquelas xa deron bos froitos no camiño da participación cidadá e da procura dun coñecemento máis fiábel. O proxecto galego está estes días a gravar o programa O debate, un espazo dirixido a fornecer análises críticas da actualidade dende puntos de vista plurais que contribúan, ademais, a que liña de reflexión fique activa, viva, nos espectadores.

PUBLICIDADE