Iron Man VR chegará a PS4 o 28 de febreiro

venres, 4 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O agardado xogo Marvel’s Iron Man VR, que permitirá aos usuarios de PlayStation VR converterse no Home de Ferro da banda deseñada e o cine tirando proveito da realidade virtual, ten por fin data de saída: o vindeiro 28 de febreiro.
Dende Camouflaj levan 3 anos traballando neste título que busca ofrecer unha acción digna dun filme de superheroes, cunha historia orixinal sobre Tony Stark. Nesta historia que poderemos vivir en primeira persoa poderemos ver a numerosos personaxes moi recoñecibles do Universo Marvel e, curiosamente, o principal personaxe antagonista do protagonista será a pirata informática Ghost (Pantasma), que no cine aparece na segunda película de Ant Man, en vez de nas de Iron Man, aínda que na banda deseñada esta figura naceu como rival de Tony Stark e era un home, de xeito que aquí teremos unha curiosa mestura de ambos medios.
Iron Man VR terá unha edición estándar en formato físico e dixital, aínda que en dixital tamén estará dispoñible unha edición de luxo que incluirá contidos adicionais como 4 armaduras decorativas, 12 puntos de investigación, a banda sonora do xogo e un tema para PS4. Os que reserven o xogo antes do seu lanzamento tamén recibirán un código de descarga para poder facerse con outras 4 armaduras decorativas e un tema dinámico para PS4.

A edición de luxo do xogo, só dispoñible en formato descargable, inclúe contidos adicionais
Quen reserve o xogo antes do seu lanzamento recibirá contidos adicionais a xeito de recompensa

Tráiler coa historia de Iron Man VR

PUBLICIDADE