IronKey, unha memoria USB para superaxentes segredos
venres, 27 de xullo do 2007
Coma se dun trebello do mesmísimo axente 007 se tratase vén de chegar ó mercado a IronKey, unha memoria USB que pode presumir de ser a máis segura do mundo até o de agora, ou polo menos así o veñen de asegurar os seus creadores. Cómpre sinalar que cada arquivo gardado neste dispositivo está cifrado co algoritmo AES (cunhas claves de encriptación almacenadas na propia memoria) e que a súa característica principal (e unha das principais vantaxes) é que o usuario debe memorizar ben o contrasinal porque, do contrario, ó terceiro intento para introducir a clave segreda, IronKey autodestruirase. Ou sexa: borrarase toda a información almacenada nela, facéndose os datos completamente irrecuperables.
O mesmo acontecerá se alguén tenta hackear a IronKey para lerchear nos arquivos que contén; sen aviso nin sinal algún, esta memoria estrágase a si mesma e leva con ela fotos, vídeos, números de contas bancarias, datos persoais ou todo aquilo que sexa de máximo segredo para o seu posuidor (mágoa que non saíra un ano antes, porque lle sería ben útil ós inculpados polo caso “Malaya”).
IronKey está dispoñible en tres versións, a de 1 xb que costa 79 dólares; a de 2 xb, de 109 dólares e a de 4 xb, que costa 149 dólares no mercado.