Jack Dorsey deixa a dirección de Twitter

luns, 29 de novembro do 2021 Marcus Fernández

JPEG - 88.3 KB
Jack Dorsey e Biz Stone son os fundadores de Twitter

Tras preto de 16 anos dirixindo Twitter, o seu co-fundador, Jack Dorsey, anuncia hoxe a súa renuncia ao cargo de director xeral, pasándolle o relevo ao actual director técnico, Parag Agrawal, persoa da súa total confianza, coa que colaborará durante a transición á nova dirección, proceso tras o que Dorsey asegura que abandonará totalmente o cadro de dirección da compañía.
Cómpre advertir que Dorsey tamén estaba a dirixir outra empresa tecnolóxica, Square, polo que eran moitas as voces que pedían que deixase o seu cargo en Twitter por non dedicarlle a atención que merecía. De feito, Twitter non só está a ser unha das plataformas sociais de referencia de menos éxito, tanto en volume de usuarios como en resultados económicos, de aí que nos últimos meses estea a mudar profundamente para incorporar máis elementos que xeren cartos (como Revue e Twitter Blue).
Queda agora por ver se o cambio de dirección conseguirá que a compañía poida mellorar os seus resultados ou incluso converterse nun produto o suficientemente atractivo para atopar un comprador.

PUBLICIDADE