Jawbone presenta novos dispositivos medidores de actividade
mércores, 5 de novembro do 2014
Jawbone leva xa 3 anos apostando pola súa liña de pulseiras
cuantificadoras UP, que serven para medir a nosa actividade física e a calidade
do noso sono, conseguindo unha boa aceptación por parte do público, de aí que
non cesasen na súa evolución, até a UP3, que presume de ser
o dispositivo deste tipo máis avanzado do mercado que presenta un tamaño máis
compacto que o modelo predecesor (a UP24).
A pulseira
UP3 presume da súa fiabilidade para a monitorización cardíaca e de
revolucionar o xeito de facer tal, pois fuxiron do uso de sensores ópticos
(polo seu elevado consumo) para optar por utilizar tecnoloxía de bioimpedancia,
o que permite unha boa autonomía e a captura de máis valores que o pulso (como
o ritmo respiratorio e a resposta galvánica da pel). A UP3 é resistente á auga
e a súa batería pode durar até 7 días seguidos cunha única carga.
- Os datos recollidos polos accesorios de Jawbone poden analizarse comodamente dende aplicacións móbiles
A información recollida pola pulseira pode logo empregarse para medir o
rendemento dos adestramentos físicos, para analizar o comportamento do noso
corpo en repouso e incluso a calidade do noso sono (para o que
fan uso de numerosos sensores), servindo así para axudar a adoptar hábitos
de vida saudables, xa que permite analizar non só a actividade física, senón
tamén os efectos da alimentación, a hidratación, a ansiedade e incluso o
consumo de cafeína sobre o noso ritmo cardíaco. Estas informacións incluso
poden consultarse directamente dende o móbil.
Vídeo promocional da pulseira UP3 de Jawbone
- O UP Move pode levarse prendido nun peto para maior comodidade
Esta pulseira ten un prezo de venda de 179 dólares, o que pode afastar a moitos
usuarios, de aí que Jawbone presentase tamén o UP Move, un pequeno
trebello que custa só 49,99 dólares, e que busca servir de podómetro e medidor
do exercicio e das calorías consumidas durante o día, así como rexistra o
número de horas de sono de calidade. Está composto por unha peza circular que
pode colocarse nunha funda-correa para levar no pulso, aínda que tamén inclúe
un accesorio en forma de pinza que facilita así que o levemos prendido nun peto
ou noutro elemento da nosa roupa para poder levalo enriba máis comodamente
(aínda que, loxicamente, para as funcións de medición do sono o máis
recomendable é levar o trebello no pulso). A súa batería promete unha autonomía
de 6 meses.
Vídeo promocional do dispositivo UP Move de Jawbone