Katana Jack, un videoxogo para iPad con gráficos made in Galicia

venres, 18 de novembro do 2011 Raquel Noya

A tenda de aplicacións de Apple ten dende onte entre as súas aplicacións un peculiar xogo para dispositivos táctiles da marca da mazá (iPad, iPhone e iPod Touch), que non destaca tanto pola súa orixinalidade nin pola calidade da aplicación mais si polos seus gráficos, que foron deseñados polo galego Xoán Baltar, coa particularidade de que empregou o propio iPad para facelos.
Trátase do Katana Jack, que ten como protagonista a un oso panda vermello que responde ao mesmo nome, e que vai polo mundo apagando faroliños que non lle deixan durmir.
O guión do videoxogo, que á fin non é máis que un remake do xogo de plataformas dos anos oitenta, Bomb Jack, desenvolvérono entre Baltar e o catalán Iván Cascales, o responsable da programación do código, que lle quixeron render unha peculiar “homenaxe á xaponesa”.

Katana Jack é compatible con iCade

Para iso, os gráficos que deseñou Baltar, por certo coa ferramenta Brushes, unha aplicación de pintura para o iPad, ambiéntanse no Xapón, cos monumentos típicos de cada lugar, repartidos por 90 niveis.
Baltar tamén é o autor das catro cancións orixinais do xogo, compostas asemade con outra aplicación de seu do iPad, a GarageBand, e o mesmo coas voces e outros son, para os que usou o Voices 2.
Este é o cuarto videoxogo que desenvolven Xoán e Iván para as plataformas de Apple, que ten un valor engadido para os máis “frikis” do planeta, xa que ofrece a posibilidade de xogar co iCade conectado ao iPad.
A web do videoxogo achega imaxes do peculiar trebello, así como un apartado que explica de xeito detallado, a través de diferentes vídeos, os pasos que Baltar tivo que seguir para debuxar os diferentes escenarios.


Vídeo promocional de Katana Jack

PUBLICIDADE