Kid Icarus: Uprising sairá á venda en España a finais de marzo

mércores, 25 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

O mes pasado soubemos que o agardado xogo Kid Icarus: Uprising para Nintendo 3DS estaba a piques de ver a luz, anunciándose o seu lanzamento xaponés para o vindeiro 22 de marzo, 25 anos despois do lanzamento do Kid Icarus orixinal para NES, e agora Nintendo confirma que para a súa chegada ás tendas europeas non teremos que agardar moito máis, pois o título porase á venda no noso territorio só un día despois que no Xapón.
O 23 de marzo teremos nas tendas un xogo que comeza co regreso de Medusa e o seu exército do inframundo, aos que terá que enfrontarse un anxo heroico que contará coa axuda de Palutena, deusa da luz e benefactora da humanidade. Esta aventura combinará combates por terra e aire, podendo axustarse o nivel de intensidade destes enfrontamentos axustando entre 0,0 e 9,0 un caldeiro maligno (a dificultade estará fixada inicialmente en 2,0).
O xogo tamén contará con armas coleccionables con 9 categorías distintas que van dende o arco do Olimpo ata as garras de tigre, de xeito que para cada reto deberemos procurar elixir o armamento máis axeitado.
Nintendo tamén confirma que o xogo incluirá un soporte de balde que permitirá fixar a Nintendo 3DS sobre unha superficie lisa, achegando unha experiencia de xogo diferente (menos portátil do habitual, pero máis atinada para o tipo de control que presenta este atractivo título de acción). Tamén será posible empregar o xogo co botón deslizante Pro (que comezará a comercializarse co xogo Resident Evil: Revelations.


O xogo incluirá de balde o soporte que xa se anunciara no Xapón

PUBLICIDADE