Killer Instinct prepara a súa chegada a Steam

luns, 19 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Entre os xogos que daban forza á Xbox One durante a súa estrea figuraba en exclusiva o novo Killer Instinct, de xeito que a consola de Microsoft podía gozar do retorno dunha clásica franquía de xogos de loita (con grande éxito nas súas entregas orixinais en 1994 e 1996), pero o ano pasado a compañía de Redmond mudou de estratexia para a súa plataforma de xogos, combinando a súa tenda de Xbox One coa de xogos para Windows 10, e así Killer Instinct abriuse a xogadores de ordenadores persoais, figurando actualmente dentro do programa Xbox Play Anywhere.
Deste xeito actualmente é posible gozar de Killer Instinct en Xbox One e ordenadores con Windows 10 con xogo cruzando entre ambas plataformas, de xeito que usuarios de consola e ordenador poden baterse en intensos combates, podendo tamén compartir partidas gardadas na nube, ou sexa, que un mesmo xogador pode alternar o uso do xogo entre as distintas plataformas sen perder os seus progresos.
Pero a tenda de xogos de Microsoft para Windows 10 non conta con grande popularidade entre os xogadores, e de non contarmos cunha Xbox One carece de atractivo, de aí que moitos reciban cos brazos abertos o anuncio de que Killer Instinct vaia estrearse este mesmo ano en Steam, a tenda dixital de videoxogos para PC máis popular a nivel mundial.
Deste xeito vemos como outra exclusiva de Microsoft deixa de ser tal e convértese simplemente nunha primicia, como xa aconteceu con xogos como Quantum Break ou Halo Wars, que pese a ser xogos editados por Microsoft poden adquirirse a través de Steam.

PUBLICIDADE