Knack e RiME chegarán a PS Plus en febreiro

mércores, 31 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro día 6 actualízase a listaxe de xogos dispoñible para os subscritores de PlayStation Plus, sorprendendo este mes cun par de títulos para PlayStation 4 bastante importantes, sendo probablemente o máis destacado Knack, un dos primeiro xogos de PS4, que dende o seu lanzamento estaba considerado como un candidato seguro a formar parte do catálogo de xogos instantáneos de PS Plus, e que por fin cumpre co esperado nun momento bastante oportuno, xa que hai poucos meses do lanzamento da súa secuela, de xeito que o abrir a primeira entrega a un elevado número de xogadores pode supor un sopro de aire fresco para a franquía. Iso si, o feito de que actualmente o xogo estea de oferta a 4,99 euros desmerece bastante a súa incorporación aos xogos de PS Plus.
O outro grande título para PS4 de xaneiro é unha auténtica xoia, pois trátase de RiME, aventura de plataformas do estudio español Tequila Works, que levou numerosos recoñecementos polo seu coidado deseño gráfico e a súa narrativa. Temos así que un título bastante modesto conseguise chegar ao corazón dos xogadores dun xeito semellante a como fixeron títulos como Journey ou Shadow of the Colossus.
Completan a oferta de xogos os títulos para PlayStation VR StarBlood Arena e Flippy’s Tesla! Inventemos el Futuro, os xogos de PS3 Spelunker HD e Mugen Souls Z e os xogos para PS Vita Exiles End e Grand Kingdom.

PUBLICIDADE