Kutruparty 2012: na ponte de decembro conectámonos na Estrada
luns, 22 de outubro do 2012
Para os que queiran encontro informático,
dicirlles que o mes de decembro comeza cunha das grandes citas
galegas para a mocidade en liña: a Kutruparty, que
chega á súa novena edición. A
xuntanza, que se celebra entre os
días 6 e
9, ten como
centro de operacións a vila
pontevedresa de A
Estrada, máis polo miúdo os pavillóns da
Fundación do Moble, onde se agarda
dar acollida a centos de participantes. O
encontro, organizado pola asociación
AUSLAE, abrirá en breve o
prazo de inscrición para concorrer nas diferentes actividades do
programa. Isto farase a través da web.
Porén, sempre e cando haxa prazas libres,
tamén se pode formalizar no propio recinto. O custe será igual có
dos últimos anos: 25 euros.
O programa de actividades irase actualizando na páxina web a
medida que se vaian confirmando novidades, informa a organización. O
equipo responsábel do encontro está a facer un esforzo especial
para que este ano a oferta de accións de tipo lúdico sexa
particularmente completa, tanto no recinto propio e específico para
os rapaces e rapazas conectado/as como no escenario Extranet.
Deste xeito, haberá torneos con League of Legends, Counter
Strike: Global Offensive, StarCraft 2, FIFA 13, concursos para
pór a proba os coñecementos cinematográficos dos asistentes e a
súa habilidade na dobraxe, probas de destreza con aplicacións
informáticas de retoque fotográfico e de vídeo, obradoiros e
concursos de deseño de gráficos en 2D e 2D, etc. Amais do
devandito, tamén haberá espazo, unha vez máis, para dar acubillo
ao KUBO, unha área específica para consolas Wii, Play Station 3,
Xbox 360, consolas consideradas clásicas e unha réplica de
recreativas arcade.
Asemade, a organización reforzará a vertente didáctica do
encontro, cun emprazamento habilitado como obradoiro e como
laboratorio informático. Este contorno, chamado HackConf,
servirá entre outras cousas para acoller charlas, relatorios e
talleres prácticos como os que citamos de seguido:
· Arduino, plataforma de hardware libre para iniciarse na
programación de robots e automatización.
· Construción dunha máquina recreativa, creación da nosa
propia consola.
· Linguaxes de programación
· Virtualización.
· Seguridade básica (contrasinais, conexións sen fíos...)
· Desenvolvemento de videoxogos.
· Community Manager: consellos e trucos para formármonos
nunha profesión de moda, o xestor de comunidades e la importancia de
saber relacionarnos nas redes sociais.
· Impresora 3D (contarase cunha impresora 3D montada polos
membros de AUSLAE desde cero).
Extranet
Como dixemos, o equipo organizador prepara achegar unha terceira
liña de actividade na Extranet, un espazo-recinto alternativo
para actividades participativas que non teñen relación directa coa
informática e co que se quere acadar que a xente “despegue os
ollos da pantalla do computador”. Con este motivo, achégase a
seguinte listaxe de contidos (que se irá completando os días
vindeiros):
· Origami, creacións en papel
· O Muro, panel de varios metros onde se poderá dar renda solta
á arte grafiteira.
· Lanzamento de disco.
· Lanzamento de avións de papel.
· Pachangas futbolísticas no pavillón “Coto Ferreiro”.
· Ciclo de cinema alternativo, con auténticos subprodutos
cinematográficos.
· Campionato de póker.