Kyocera Echo: móbil con Android e 2 pantallas táctiles

martes, 8 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A compañía nipona Kyocera presentou o orixinal móbil Kyocera Echo, que sorprende ao contar con dúas pantallas de 3,5 polgadas que ao unirse forman unha de 4,7 polgadas cunha resolución de 800 x 960 píxeles. Cando o terminal está pechado compórtase coma un móbil táctil máis con Android 2.2, pero ao despregar a pantalla secundaria o dispositivo pode operar en 3 modos distintos: unha aplicación en cada pantalla, fusión de ambas pantallas para operar como unha única de grande tamaño ou con aplicacións optimizas que repartan contidos en ambas pantallas.
O Kyocera Echo funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon QSD8650 a 1 GHz, coma o do Nexus One, polo que non estamos a falar dun terminal á última, especialmente se tempos en conta que imos a pedirlle que debuxe o dobre de memoria de vídeo. Conta con Wi-Fi, cámara de 5 Mpíxeles capaz de gravar vídeo a 720p, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento nunha tarxeta microSD e batería de 1.370 mAh, sendo a súa principal incógnita se veremos o móbil fóra do Xapón, posto que Kyocera non é un fabricante que actualmente teña acordos coas operadoras de telefonía móbil occidentais.

A dobre pantalla táctil é a característica máis rechamante do Kyocera Echo

PUBLICIDADE