LEGO Indiana Jones destaca entre os vindeiros Xogos con Gold

xoves, 29 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Tras uns meses cunha oferta de xogos mensuais pouco coidada, en novembro os Xogos con Gold resultan máis aceptables, comezando por Aragami: Shadow Edition, un xogo de sixilo en terceira persoa desenvolvido polo estudio barcelonés Lince Works que está a ultimar a súa secuela, de aí que o acceso a este xogo para Xbox One resulte moi oportuno.
O outro títulos para Xbox One do mes de novembro será o xogo de disparos ¡Swimsanity!, que podemos definir como unha auténtica tolería subacuática con modos competitivos e cooperativos dispoñibles en liña ou en local, de xeito que temos un produto que aínda que non sexa unha superprodución achega moita diversión cos amigos.
Como primeiro xogo retrocompatible do mes temos Full Spectrum Warrior, orixinario da primeira Xbox (aínda que está mellorado para Xbox One X) e que vén a ser un xogo de acción táctica no que controlamos a un xefe de escuadra que ten que dirixir misións de combate en contornos urbanos ofrecendo unha experiencia moi realista. De feito, coméntase que o xogo comezou como unha axuda nos adestramentos do Exército dos EE.UU. para reforzar a doutrina do Exército e o esforzo conxunto entre as tropas.
Pero a estrela do mes é un xogo moito menos violento, dirixido a toda a familia, LEGO Indiana Jones: La trilogía original, adaptación das tres primeiras películas de Indiana Jones pasadas polo filtro de LEGO, polo que temos acción e diversión asegurada. O xogo é orixinal de Xbox 360, pero pode xogarse sen problema nas consolas seguintes.
Dado que en novembro chegan as novas Xbox, queda por ver se os Xogos con Gold sufrirán algunha modificación, chegando a ofrecer algún xogo para Xbox Series S/X.

PUBLICIDADE