LEGO Worlds aparece en Steam como un competidor de Minecraft

luns, 1 de xuño do 2015 Marcus Fernández

De xeito sorprendente apareceu hoxe en Steam, dentro do programa de Acceso Anticipado (que permite adquirir xogos cando aínda están a desenvolverse), o xogo LEGO Worlds a un prezo de 14,99 euros, que vén a resposta de LEGO ao fenómeno de Minecraft, na que preséntase un universo aberto de mundos xerados por procedementos e fabricados con ladrillos de LEGO, que poden manipularse e xerarse libre e dinamicamente con maquetas de LEGO.
Este xogo permitirá desatar a creatividade reflectindo en pantalla o que se imaxine construíndoo ladrillo a ladrillo, sendo tamén posible crear enormes cordilleiras ou poboar un mundo de illas tropicais, colocar estruturas prefabricadas, explorar o universo creado subíndose a unha grande variedade de vehículos (helicópteros, dragóns, motos, gorilas...) e ver como as creacións cobran vida a través de criaturas e personaxes que poderán interactuar co xogador de xeitos inesperados.
En LEGO Worlds teremos que atopar tesouros ocultos en escenarios que van dende o divertido ao fantástico, poderán personalizarse os personaxes con grande cantidade de traxes e opcións, será doado modificar o terreo de xeito rápido, será posible aproveitar estruturas de LEGO pre-fabricadas e incluso poderán exportarse as creacións para o seu uso posterior.
Estamos ante un xogo que non só imitaría a Minecraft na súa proposta, senón tamén no xeito de chegar ao público (o título de Notch Persson iniciou a súa vida comercial coas súas versións alfa e beta), e buscaría evolucionar durante o presente ano para poder estrear unha versión definitiva en 2016.


Trailer de LEGO Worlds na súa estrea en Acceso Anticipado

PUBLICIDADE