LG lanza un televisor LCD cun deseño clásico

luns, 12 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Como homenaxe aos vellos televisores de tubo dos anos 70 LG presenta un novo televisor LCD de 32 polgadas (modelo 32LN630R) que emula a súa aparencia colocando no seu marco as clásicas roscas que permitían mudar de canle e controlar o volume, aínda que na práctica esteamos ante un televisor cun panel IPS de alta definición (de 1.920 x 1.080 píxeles) capaz de reproducir contidos a través de USB e de MHL (para vídeos achegados de dispositivos móbiles) que vai pórse á venda en Corea do Sur a 840.000 wons (566 euros). Sobre dicir que non carece de mando a distancia.
Aínda non se sabe se este televisor chegará ao noso territorio, pero resulta curioso que, en vez de apostar por facer o televisor máis delgado e minimalista, LG apostase por todo o contrario para dar un toque de estilo a un dos seus produtos para ser o suficientemente rechamante como para poder captar a atención do consumidor recuperando o “deseño clásico escandinavo que salienta a simplicidade e a modernidade”.

PUBLICIDADE