LG presenta monitores deseñados para os últimos MacBook e MacBook Pro

venres, 28 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Os novos monitores de LG chegan en tamaños de 27 e 21,5 polgadas

Da presentación do novo MacBook Pro hai quen entende que Apple está a deixar un tanto de lado o negocio da informática persoal e profesional, e continúa a medrar enormemente a cantidade de produtos do seu catálogo que seguen sen recibir renovación, aínda que hai outros fabricantes que atenden a demanda, como LG, compañía que vén de presentar un par de novos monitores deseñados especificamente para o seu uso con últimos MacBook e MacBook Pro.
Por unha banda temos o monitor UltraFine 5K de 27 polgadas con Thunderbolt 3, que presume dun panel IPS cunha resolución de 5.120 x 2.800 píxeles que presume de grande precisión de cor e amplo ángulo de visión, e que sería o primeiro do mercado en ter unha resolución 5K a través de Thunderbolt 3, porto que serve para a transmisión de audio e vídeo, así como da propia enerxía para alimentar a pantalla. Amais, este monitor integra 3 portos USB-C para poder ampliar a conectividade do portátil dun xeito moi práctico (especialmente para accesorios que vaian a empregarse sempre no escritorio, que deste xeito non terían que andar a conectarse un a un ao ordenador, xa que poderían deixarse sempre conectados á pantalla). Esta pantalla conta cunha magnífica integración con macOS, de xeito que incluso o brillo e o volume pode controlarse directamente dende o ordenador, non sendo preciso ningún botón físico na pantalla que tamén conta con cámara frontal e micrófono para facilitar as viceoconferencias a través de FaceTime. O seu prezo de venda sería de 1.399 euros.
Para escritorios de tamaño máis reducido pode resultar máis interesante o monitor UltraFine 4K de 21,5 polgadas, que conta cun panel IPS cunha resolución de 4.096 x 2.304 píxeles, comunícase co ordenador por USB-C e tamén integra 3 portos USB-C para conectar accesorios. O seu prezo será de 749 euros.

PUBLICIDADE