LG presenta novos monitores ultra-panorámicos

mércores, 31 de decembro do 2014 Marcus Fernández

LG continúa a debullar as novidades que levará a semana que vén a Las Vegas, entre as que figuran os seus novos monitores ultra-panorámicos, que coas súas relacións de aspecto 21:9 prometen unha magnífica experiencia de uso para xogadores, empresas e profesionais da imaxe e o vídeo.
Por exemplo, o LG 34UM67, o monitor para gamers, conta coa tecnoloxía FreeSync de AMD, que elimina os molestos efectos provocados por perdas de sincronización entre o monitor e a tarxeta gráfica, conseguindo así unha sensación de maior fluidez e reducir a perda de fotogramas. Pese a que falen de que este tipo de monitores é ideal para os videoxogos, realmente hai poucos títulos que tiren proveito deste formato tan panorámico, pero agárdase que cada día haxa máis títulos adaptados aos 21:9 ante o incremento da súa presenza no mercado, permitindo así ter unha visión máis completa da acción, como xa podemos ver en xogos como Battlefield 4.
O LG 34UC97, cunha resolución de 3.440 x 1.440 píxeles, é un monitor curvo de 34” que busca maximizar o escritorio informático para incrementar a produtividade, estando especialmente deseñado para un bo funcionamento en equipos de Apple, xa que é compatible con Thunderbolt 2. O seu panel IPS achega un ángulo de visión de 178 graos e recrea o 99% do espazo de cor sRGB, polo que estamos ante un produto ideal para profesionais.
Por outra banda, o LG 34UC87M é un monitor curvo pensado para directamente para presentar información en configuracións multi-pantalla, o que agradecerán especialmente os profesionais de mercados financeiros, que poderán monitorizar así moita información dun xeito óptimo.
E para completar os anuncios do día, e fuxindo do formato 21:9, chega tamén o LG 31MU97, un monitor de ultra alta definición que, en vez de limitarse a 3.840 x 2.160 píxeles (resolución tamén coñecida como Quad HD), ofrece unha resolución de 4.096 x 2.160 píxeles, o que permítelle chegar aos 4K reais, atendendo así á demanda dos profesionais do vídeo, que traballan con ese tipo de resolucións para producións cinematográficas.

PUBLICIDADE