LG presenta os primeiros electrodomésticos cos que podemos comunicarnos a través de LINE

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

LG anunciou na pasada edición do CES en Las Vegas que estaba a preparar o servizo HomeChat que permitiría que os consumidores puidésemos falar cos nosos electrodomésticos a través do móbil, e finalmente a compañía surcoreana presenta produtos compatibles con esta tecnoloxía de comunicación, que tanto recoñece a linguaxe natural como emprega o servizo de mensaxería instantánea LINE como ponte home-máquina (aproveitando que esta aplicación asiática ten máis de 300 millóns de usuarios e que o seu uso non supón custos adicionais nas comunicacións como acontecería coas mensaxes de texto tradicionais).
Os primeiros electrodomésticos en contar cono HomeChat serían un frigorífico con cámara integrada, unha lavadora que permite o control remoto dos seus ciclos de lavado e un microondas con NFC e Wi-Fi que pode controlarse dende calquera localización.
Esta solución permite establecer atallos ás funcións máis habituais de cada un dos nosos electrodomésticos conectados e tamén permite que podamos poñelos en 3 estados distintos segundo esteamos no fogar, fóra ou de vacacións, de xeito que os electrodomésticos compartíanse de maneira axeitada a cada situación.
O novo refrixerador de LG non só pode comunicarse por LINE, senón que tamén permite tomar imaxes cunha cámara con grande angular que ten no seu interior, de xeito que cando esteamos de compras poderemos ver no móbil o que debemos repor, convertendo o electrodoméstico en todo un sistemas de xestión de alimentos, o que non se realiza unicamente dende o móbil (para o que LG desenvolveu unha aplicación), senón que a neveira conta cunha pantalla na súa porta, o que tamén minimiza a apertura da mesma. Este sistema pode empregarse tamén para rexistrar as datas de consumo preferente dos produtos e axuda a saber o que podemos cociñar se levamos un rexistro dos ingredientes que gardamos no refrixerador.
A lavadora conectada de LG sería moito máis básica, limitándose a permitir iniciar un ciclo de lavado mediante unha mensaxe de LINE, para que cando cheguemos a casa xa rematase de lavar, para que poidamos tender a roupa en canto esteamos de volta no fogar; e o novo microondas de LG centra as súas funcións na elección de receitas e na correcta selección do programa de cociñado para preparar os pratos que desexamos.

PUBLICIDADE