Legend of Kay estreará no verán unha versión remasterizada

xoves, 23 de abril do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro verán, para celebrar o décimo aniversario do xogo Legend of Kay, publicarán unha edición remasterizada do mesmo a un prezo de 19,99 e 29,99 euros (en función da plataforma) que xa conta con ficha en Steam e que, aparte de para PC, tamén verá a luz en versións para Xbox 360, PS3, PS4, Wii U e Mac, permitindo así que xogadores actuais poidan recuperar este divertido xogo de plataformas 3D con moita acción na que encarnamos a un gato antropomórfico que é un entusiasta das artes marciais, e que terá que derrotar a numerosos inimigos coas súas poutas e armas.
Esta revisión do xogo publicado inicialmente para PlayStation 2 está a verse rexuvenecido da man de Nordic Games e KAIKO, que buscan principalmente achegar este título a o meirande abano de público posible, de aí que decidisen adaptalo á nova xeración de consolas de videoxogos, o que podería ser un primeiro paso para recuperar a franquía no futuro. Legend of Kay Anniversary mantén a xogabilidade orixinal, pero gozando de texturas de alta resolución, novos modelos de personaxe máis detallados e técnicas de renderizado modernas que actualizan este clásico.

Este xogo de plataformas 3D tamén ten intensos combates
O xogo renova os modelos de personaxe e incorpora texturas de alta resolución

PUBLICIDADE