Lenovo amosa un ordenador coa forma da nave de Star Trek

luns, 1 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Na feira Lenovo Tech World amosaron un produto ideal para os seareiros da serie televisiva Star Trek, que consiste nun ordenador de sobremesa cunha configuración de alta gama, óptimo para gaming e cun proxector de vídeo integrado, que externamente semella unha maqueta da nave USS Enterprise NCC-1701 que capitaneaba James T. Kirk na serie televisiva orixinal (aínda que coas concesións que permitan albergar un ordenador no seu interior).
O novo Tiburn Enterprise Star Trek PC non só ten a forma da nave Enterprise, senón que a súa configuración é de auténtico infarto, podendo equiparse cun procesador Intel Core de última xeración, até 32 GB de RAM (DDR4), 2 TB de disco duro, 1 TB de SSD (en formato M.2), gráfica nVIDIA GeForce RTX 2080 e cun proxector de vídeo integrado de 400 lumenes.
Polo momento non sabemos se Lenovo levará este impresionante equipo fóra do mercado chinés, aínda que semella probable, xa que ten todos os boletos para converterse nun obxecto de desexo para os trekkies de todo o mundo que poidan permitirse un equipo informático de alta gama (que facilmente superará os 2.000 euros).

Vídeo no que amosan brevemente o novo equipo de Lenovo

PUBLICIDADE