Lenovo estrea un todo-en-un con tecnoloxía nVIDIA Ion e un prezo axustado

mércores, 7 de abril do 2010 Marcus Fernández

Mesturando a tecnoloxía dos ultraportátiles de baixo custo co concepto de ordenadores todo-en-un conséguense un tipo de equipos moi atractivos para o usuario, que cos novos procesadores dispoñibles deixan de ser uns ordenadores limitados e convértense en plenamente funcionais, coma o novo Lenovo C200, que agocha na súa pantalla panorámica de 18,5 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles un procesador Intel Atom D510 (de dobre núcleo) e un procesador gráfico nVIDIA ION con 256 Mbytes de memoria. Tamén inclúe gravador de DVD e opción de contar cunha pantalla táctil.
O feito de que este todo-en-un inclúa unha tarxeta gráfica de certa calidade permitiríalle tanto executar xogos coma vídeo incluso a 1.080p, mellorando a súa versatilidade multimedia con respecto aos seus competidores máis directos. O equipo sairá á venda por un prezo que parte dos 399 dólares (sen o procesador gráfico ION), mentres que por 499 dólares pode adquirirse con nVIDIA ION e pantalla táctil, de aí que sexa un ordenador moi atractivo.

PUBLICIDADE