Levan aos xulgados a campaña de boicot contra La Noria

martes, 20 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Pablo Herreros é o blogueiro que emprendeu a campaña contra La Noria

Hai cousa dun ano un blogueiro criticou duramente o programa de Telecinco La Noria por mor dunha entrevista á nai de El Cuco, un dos implicados na morte de Marta del Castillo, levándoo a instar aos espectadores a non consumir os produtos das marcas que se anunciasen no programa dos sábados pola noite por considerar que están a financiar este tipo de prácticas, creando un auténtico efecto dominó que provocou a fuxida dos patrocinadores do espazo televisivo e a súa posterior cancelación. Pero dende a canle de Fuencarral non parecen ter aprendido lección algunha sobre a xestión de crises de reputación, e reaccionaron presentando unha querela contra Pablo Herreros, o blogueiro que prendeu a mecha, quen vén de ser chamado a declarar como imputado ante o Xulgado de Instrución nº 14 de Madrid o vindeiro 4 de decembro, tras admitirse a trámite a querela de Telecinco por supostos delitos de ameazas e coaccións.
Herreros asegura a través de Twitter estar moi tranquilo, aínda que négase a facer declaracións públicas ata falar co seu avogado, e remite aos interesados a un apartado do seu blog no que recollen o acontecido no Caso La Noria, o que tamén podemos coñecer a través da seguinte presentación:



Un dos vídeos divulgativos da campaña contra La Noria

PUBLICIDADE