LinkedIn merca Pulse por 90 millóns de dólares

xoves, 11 de abril do 2013 Marcus Fernández

Co anuncio do futuro peche de Google Reader, outras solucións para a lectura de novas están a gañar visibilidade, e unha das que máis destaca en dispositivos móbiles é Pulse, aplicación dispoñible para iOS e Android, que converte as nosas fontes de novas favoritas nun mosaico interactivo cheo de cor, á vez que integra interacción con Facebook e Twitter. Esta plataforma iniciada en 2010 como un proxecto de clase en Stanford como resposta á frustración provocada pola lectura de novas en dispositivos móbiles non parou de evolucionar converténdose nunha das aplicacións máis descargadas na App Store (chegando aos 30 millóns de usuarios) e chamando a atención doutras compañías, o que finalmente rematou coa súa compra por parte de LinkedIn, o que supón un importante paso para Pulse, asegurándose dende a compañía que manterán as súas aplicacións como ata o de agora, polo que a súa adquisición por parte de LinkedIn serviría principalmente para fortalecer este proxecto de achega de contidos a través de dispositivos móbiles. A operación de compra de Pulse por parte de LinkedIn tería un valor total de 90 millóns de dólares (68,65 millóns de euros).
Dende LinkedIn sosteñen que Pulse encaixa á perfección no seu negocio, pois entenden que LinkedIn pode chegar a ser unha plataforma de publicación profesional definitiva, de aí que integrar ao equipo de Pulse pode resultar moi positivo para a evolución da empresa.

Pulse facilita a lectura de novas en dispositivos móbiles

PUBLICIDADE