Lleida estrea un sistema de SMS certificados

xoves, 7 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Presentación da nova plataforma SMS no concello de Lleida

O concello de Lleida converteuse no primeiro consistorio español en realizar notificacións oficiais a través de mensaxes de texto a través do móbil grazas á operadora Lleida.net, que creou un sistema de SMS certificado coa mesma validez das cartas certificadas ou do burofax.
A presentación deste novo servizo consistiu na estrea do mesmo, remitindo por SMS á veciña da vila, Patricia Von Der Horst, a concesión dun microcrédito para crear unha tenda de artigos de coiro arxentino con cargo ó programa municipal de promoción de actividades empresariais entre mulleres.
Ángel Ros, alcalde de Lleida, enviou a notificación á Von Der Horst a través dunha aplicación desenvolvida por Lleida.net, que servirá para comunicar multas ou sancións, retrasos no pagamento de tributos, resultados de procesos de inscrición e, en xeral, para calquera comunicación que forme parte do proceso administrativo do concello, aínda que polo momento se limitará a «trámites relacionados con actividades organizadas polas concellarías de Xuventude, Servizos Persoais ou Cultura».
O sistema implantado xera un documento PDF que se envía por correo electrónico ó remitente da mensaxe SMS certificada, que se pode utilizar coma proba ante calquera tribunal, por incluír un recibo asinado e selado dixitalmente, o que permite un importante aforro nas comunicacións certificadas, posto que cada mensaxe só custa 54 céntimos fronte ós 6,75 euros que custa un burofax.

PUBLICIDADE