Logitech comercializa o primeiro teclado solar

mércores, 3 de novembro do 2010 Marcus Fernández

O panel solar libra ao usuario de ter que cambiar as pilas do teclado Logitech K750

Hai moitos anos que temos entre nós calculadoras cun panel solar o que libraba do uso de pilas para alimentar eses trebellos de reducido consumo, polo que case resulta sorprendente que esta tecnoloxía non se aplicase antes a periféricos informáticos coma os teclados sen fíos (nos que a súa recarga ou a substitución das súas baterías pode resultar unha molestia innecesaria). Pero por fin temos o teclado Logitech K750, que promete ser o primeiro que se recarga con enerxía solar, e que coida a súa eficiencia enerxética para ser capaz de operar de 3 a 4 meses cunha carga completa.
O novo teclado tamén resulta bastante elegante por presentar un grosor de só 7 milímetros e teclas separadas (configuración cada vez máis habitual en equipos portátiles, especialmente en sistemas de Apple). Comunícase co PC a través dun receptor nano USB que opera na banda dos 2,4 GHz e o seu prezo de venda é de 79,99 euros.

PUBLICIDADE