Los Mercenarios estrean xogo con aire retro en Facebook

mércores, 14 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O xogo presenta un parecido innegable ao clásico de 8 bits Gryzor

O 13 de agosto chegará aos cines españois a película Los Mercenarios (The Expendables), que contará con grandes estreas do cine de acción coma Sylvester Stallone, Jet Li, Jason Statham, , Bruce Willis, Dolph Lundgren, Mickey Rourke e Arnold Schwarzenegger, polo que é toda unha viaxe aos anos 80 cando este xénero arrasaba especialmente nos videoclubs, e para facer unha promoción coherente, publicaron en Facebook un xogo de acción de desprazamento horizontal inspirado nos clásicos de 8 bits coma Gryzor, dando a impresión de que estamos a xogar ante un Amstrad CPC ou un equipo semellante, o que agradecerán moitos nostálxicos.
O xogo de Los Mercenarios deixaranos elixir aos personaxes interpretados por Jet Li, Jason Statham e Sylvester Stallone que corresponden aos niveis de dificultade doado, medio e difícil, e manéxanse cos cursores do teclado, empregando tamén teclas para saltar e disparar, ou sexa, respectando a mecánica de moitos xogos que a finais dos 80 puidemos ver en ordenadores persoais e máquinas recreativas.
Para poder gozar do xogo é preciso facerse seareiro da película en Facebook, aínda que poderemos desfacer esta acción se finalmente non gustamos do xogo.

Os personaxes que podemos manexar no xogo corresponden a distintos niveis de dificultade

PUBLICIDADE