Los Simpson: Springfield ingresou máis de 23 millóns de dólares

xoves, 26 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Seguindo os pasos de xogos como FarmVille, CityVille ou os propios Pitufos, Electronic Arts lanzou o ano pasado un xogo de balde dos Simpson para iOS, empregando a cada vez máis habitual fórmula do Free-to-Play, e este xogo que consiste en reconstruír a cidade de Springield despois dunha explosión nuclear causada por Homer demostrou que nalgunhas ocasións o modelo de negocio adoptado resulta ideal, xa que veñen de recoñecer que o xogo xerou 23 millóns de dólares en compras dentro da aplicación.
Estes cartos proveñen da compra de rosquillas (a moeda virtual do xogo) para poder desbloquear elementos do xogo evitando botar moitas máis horas do desexable para avanzar, e aínda que esta mesma fórmula a empreguen moitos outros xogos que poderían canibalizarse entre eles, o feito de ter detrás unha marca tan recoñecible como a dos Simpson foi crucial para que este título conseguise destacar no tan competitivo mercado das aplicacións móbiles. É posible así que unha aplicación pola que non se cobra nada pola súa descarga chegue a xerar máis ingresos que se fose de pagamento dende o seu lanzamento.

JPEG - 124.2 KB
Un accidente provocado por Homer levaranos a ter que reconstruír Springfield no xogo

PUBLICIDADE