MSI leva o son 7.1 con certificación THX aos seus ordenadores todo-en-un

martes, 10 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Os ordenadores todo-en-un van gañando popularidade nos fogares, de aí que MSI lance o seu Wind Top AE2280, equipo que combina unha pantalla panorámica multi-táctil de alta definición (1.080p) de 21,5 polgadas, tarxeta gráfica ATI Radeon HD (o que permite o uso de xogos 3D e a visualización de películas en alta definición) e capacidade de audio THX TruStudio Pro, o que é toda unha sorpresa nun equipo deste tipo (os todo-en-un tenden a ter un son desastroso), xa que conta cunha barra de son na súa parte inferior que achega unha experiencia sonora envolvente e un bo comportamento na reprodución de baixos.
O MSI Wind Top AE2280 tampouco é manco no que a procesador se refire, e pode adquirirse con procesadores Intel Core i3 ou i5, ata 8 Gb de RAM e 640 Gb de disco duro, Wi-Fi N, saída de HDMI e sistema operativo Windows 7 de 64 bits. O seu prezo parte dos 949,99 dólares nos EE.UU., descoñecéndose polo momento o prezo que terá en Europa.

JPEG - 79.8 KB
A pantalla do MSI Wind Top AE2280 é multi-táctil

PUBLICIDADE