Máis de 1.500 directivos reúnense até mañá en Santiago para traballar en rede contra a crise

martes, 2 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na apertura oficial da convención que APD celebra en Santiago

Cara a onde imos, económica e dixitalmente falando? Xa deixamos atrás a crise e o que agora percibimos son as consecuencias negativas dun parón que fai máis ruído cando marcha que cando chega? Sobre estas e outras preguntas e sobre a firme posibilidade de atoparlles resposta é no que se apoia a primeira convocatoria da Convención Nacional de Directivos de APD, un evento que se celebra até mañá no Palacio de Congresos de Santiago e que reúne a 1.500 directivos empresariais coa arela de constituír un dos foros de debate económico de meirande envergadura do panorama estatal. Baixo un epígrafe que fala por si só do potencial co que se conta -Os Camiños da Reactivación- a xuntanza ten o obxectivo de avaliar polo miúdo “as tendencias que xa comezaron a mudar o mundo, a economía e a empresa”.
Segundo dá a coñecer na súa web e nas redes sociais (Facebook e Twitter) a Asociación para o Progreso da Dirección (entidade organizadora), o encontro conta coa presenza de importantes persoeiros dos eidos da política e os negocios a nivel galego e estatal, entre os que se contan o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feiijoo (encargado do acto de apertura), o presidente de APD, José María Aguirre, o presidente do BBVA, Francisco González, a presidenta de Microsoft España, María Garaña, e o presidente de Coca-Cola España e Portugal, Marcos de Quinto.
Como espazo complementario aos diferentes paneis que constitúen a Convención, e que se poden ver detallados no pdf do programa, APD habilitou a disposición dos executivos a área After work, un espazo no que os participantes poderán realizar diferentes actividades de carácter lúdico destinadas a promover o traballo en rede (networking), interactivas e participativas. Os asistentes á xuntanza, informa APD, tamén terán a oportunidade de experimentar, por vez primeira, a nova aplicación Microsoft Surface, que permite o manexo dun computador a través do tacto, os xestos das mans e mesmo co efecto de obxectos físicos emprazados sobre a pantalla.
Asemade, poderán xogar ao golf grazas a Qurius Green, unha reprodución a escala en moqueta dun campo real habilitado para este deporte. O espazo After Work complétase coa mostra Galiciadixital, da Secretaría Xeral de Medios, un recinto para o lecer dixital no que se ofrecen, entre outras moitas cousas, visitas virtuais á Catedral de Santiago e mesmo a posibilidade de manexar o botafumeiro. Amais de todo isto, firmas galegas de primeira liña como a operadora R ou Estrella Galicia patrocinan cadanseus espazos dirixidos a impulsar o traballo en rede entre os asistentes á Convención.

PUBLICIDADE