Máis de 200 estudantes foron enxeñeiros por un día no Centro Gradiant

mércores, 17 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Os investigadores de Gradiant, por terceiro ano consecutivo e dentro das accións da edición galega Semana da Ciencia, amosáronlles o miolo do seu labor ás rapazas e rapaces que participaron estes días nunha visita activa ao centro de investigación emprazado en Vigo. O termo “activo” aplicado a esta visita non é casual, e máis se temos en conta o epígrafe baixo o que se desenvolveu a xuntanza: Enxeñeiras/os por un día. Segundo informa Gradiant, a mocidade presente na xornada (toda ela procedente de varios centros de secundaria da nosa terra) tivo ocasión de participar en demostracións e obradoiros do máis variado, incluíndose un taller de electrónica no que os visitantes puideron fabricar e experimentar cun xerador de ultrasóns, transmisores FM radio-espía, receptores de AM, e transmisión de música por ligazón óptica.
Asemade, achegóuselles aos rapaces outro obradoiro para explicarlles polo miúdo diferentes técnicas para conseguir o efecto 3D, con cadansúas gafas, e un terceiro onde se lles ensinou como cifrar mensaxes e a historia da criptografía e no que ademais tiveron que resolver diferentes enigmas para dar cun premio final.
Tódolos obradoiros tiveron moi boa acollida”, informa dende Gradiant o investigador Carlos Alemparte, “os de electrónica, porque puideron fabricar e experimentar con diferentes circuítos e poñer en práctica moitos dos coñecementos adquiridos na materia de tecnoloxía que cursan nos seus respectivos centros e no que os grandes triunfadores foron o xerador de ultrasóns e a radio-espía”. O que máis éxito tivo dentro da actividade de 3D foi a proba colectiva de distintas aplicacións para interactuar nos seus postos cos ordenadores. No obradoiro de criptografía, salientouse o interesante da charla e máis o xogo habilitado sobre criptografía visual.
Por certo que a Semana da Ciencia continúa, e este mércores 17 e máis o xoves 18, Gradiant tamén prosegue coas súas actividades, entre as que se conta Descubrindo Internet, serie de charlas e obradoiros para axudar aos asistentes a coñecer mellor o funcionamento da Rede e a sacarlle o máximo partido. Tamén terán a oportunidade de xogar, posto que os enxeñeiros de Gradiant teñen preparado un xogo de rol: unha Internet humana.

PUBLICIDADE